
Onte, sábado 27 de maio, no Auditorio Municipal de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, programou a proxección da película MATRIA, de Álvaro Gago, unha vibrante, frenética e intensa longametraxe (a curta documental co mesmo nome e do mesmo director xa foi proxectada polo Iescha hai un tempo) onde destaca, entre outros moitos aspectos (un gran guion, unha vibrante e dinámica posta en escea, a denuncia social…), a magnífica interpretación de súa protagonista, MARÍA VÁZQUEZ, no papel de Ramona, coa que tivemos o pracer de conversar antes e, sobre todo, despois da proxección, circunstancia que o numeroso público asistente valorou moi positivamente ao ter a oportunidade de interactuar coa artista á que acababa de ver realizar unha magnífica interpretación e coñecer máis sobre os desafíos aos que se enfrentou neste papel de Ramona e outros aspectos derivados da película
Desde o Iescha queremos darlle uns acaídos parabéns a María Vázquez polo seu excelente traballo (seguro que acaparador de moitos e merecidos premios), e agradecerlle moi sinceramente a súa presencia nesta proxección, quedando con ela para repetir a experiencia en futuras proxeccións.
Queremos agradecer tamén o traballo do equipo técnico do Auditorio que posibilitou o bo desenrolo do acto.
E, como non, agradecer (nesta ocasión, de xeito especial) ao público, que acudiu en gran número á proxección, a súa valiosa presencia, demostrando o interese e o apoio a este tipo de actos.
Ata a próxima!


