Este luns, 19 de xuño, no Auditorio Municipal de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, programou a proxección da película VALENTINA, de Chelo Loureiro, dentro do Ciclo Premios Mestre Mateo 2023.
Para o IESCHA foi unha xornada especial a deste luns. A proxección de “Valentina” ía destinada exclusivamente ao alumnado de Infantil e de 1º de Primaria, no seu caso, dos centros escolares: ESCOLA DE EDUCACIÓN INFANTIL, CEIP MATO VIZOSO, CEIP MONSEIVANE-MOREDA E CEIP INSUA BERMÚDEZ.
E cremos que foi todo un acerto e todo un éxito. A ilusión que se podía ver nas caras das alumnas e alumnos foi realmente contaxiosa. Durante a proxección, os pequenos bailaron, cantaron e xogaron con Valentina, a protagonista da película, creando un ambiente cheo de alegría, diversión e… de aprendizaxe: A película “Valentina” é unha obra que transmite unha mensaxe moi importante de inclusión. A través da historia de Valentina, unha nena con habilidades especiais, resáltase a importancia de aceptar e valorar as diferenzas de cada persoa. Foi unha experiencia única.
Dende o IESCHA queremos aproveitar esta ocasión para agradecervos, alumnado e profesorado dos catro centros escolares, a vosa participación neste acto. A vosa ilusión, enerxía e entusiasmo foron fundamentais para crear un ambiente tan especial durante a proxección de “Valentina”. A pesar da choiva (que fixo cambiar un pouco o plan incial), todos gozamos dunha experiencia inesquecible que seguramente deixará unha pegada duradeira en todos nós.
Moitas grazas tamén, coma sempre, ao equipo técnico do Auditorio.
Ata a próxima!