Na noite deste sábado, 30 de novembro, tivemos a inmensa sorte de asistir a unha representación teatral, 21/3, A CARGO DO GRUPO TEATRO DOWN DE LUGO. Unha obra chea de sensacións, ateigada de momentos dos que vivimos todos, coas nosas propias experiencias, gustos, desexos, medos e inquedanzas.
Tralas palabras de benvida de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, e de Paloma Lugilde, directora da obra, o escenario foise enchendo dunha enerxía especial: sensibilidade, tenrura, emoción, apoio, colaboración, sentimento… Todo isto e máis desprendían os actores e actrices movéndose, parándose, falando, bailando… Como se cada movemento, cada palabra e cada nota musical formasen parte dunha poesía viva. Ritmo e movemento misturado coa palabra, a música e a poesía para transmitir mensaxes. E así, o tempo pasou voando, claro.
En resume, unha obra chea de sentimento e tenrura, que soubo levarnos a través das pequenas cousas e do extraordinario que hai no cotián. Unha experiencia que paga a pena, que conmove e deixa pegada. Como di Calderón de la Barca durante algún pasaxe da obra: “y teniendo yo más vida, tengo menos libertad?”. Un verso que resoa con forza despois dunha representación tan verdadeira.
Dende o Iescha, queremos transmitir de todo corazón as grazas e os parabéns a Alba, Isabel, Javier, Mickel, Saúl, María Isabel, Marcos, Ismael, Alberto, Carlota, Sonia, Marisa, Pablo, Macario, Laura, Cintia, Sergio, Eduardo, María e Francisco pola excelente interpretación… e a Paloma polo seu magnífico traballo.
Para Carlota e Mickel un biquiño extra.
Moitas grazas tamén á Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ao persoal técnico do Auditorio e ao público asistente.
Ata a próxima!!!
VIDEO RESUME>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=1803089323764738