RESEÑA DA REPRESENTACIÓN DA OBRA “FORMIGAS NO PETO”, DO GRUPO ÍTACA TEATRO, DIRIXIDA POR JOSÉ CAMPANARI E INTERPRETADA POR CARLOS REBOLO. (VIDEO RESUME E FOTOS)

A representación da obra FORMIGAS NO PETO, a cargo do grupo ÍTACA TEATRO, que tivemos a sorte de presenciar no Auditorio Municipal de Vilalba, na noite deste sábado, 19 de outubro, nun acto organizado polo Iescha dentro do programa CIRCUÍTOS DE TEATRO PROFESIONAL convocado pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, destaca pola súa innovadora posta en escena, onde un único actor é capaz de soster a atención do público durante 90 minutos ininterrompidos. A actuación de CARLOS REBOLO é simplemente maxistral. Con gran soltura, asume diferentes papeis ao longo da representación, demostrando non só un notable esforzo físico e emocional, senón tamén unha admirable capacidade para cambiar de rexistro con total naturalidade, levando ao espectador por unha viaxe ateigada de voces, rostros e sentimentos.

Hai no protagonista unha necesidade de comunicar, de compartir con nós anacos de historias e fragmentos dunha memoria que, dalgún xeito, poderiamos sentir como propia. Non se limita a contar estas vivencias; revive cada situación, sente cada emoción e viaxa con nós a través de momentos e lugares que pertencen á súa infancia, transmitíndonos non só as súas lembranzas, senón tamén a nostalxia, as incertidumes e as reflexións que xorden ao revisitar o pasado. Así, a obra covértese nunha experiencia profundamente emotiva e, sobre todo, reflexiva.

Dende o Iescha queremos transmitir os nosos parabéns a Carlos Rebolo polo seu magnífico traballo e entrega ao longo de toda a representación. Parabéns que facemos extensivos aos autores do texto, ao director e ao equipo artístico e técnico. A todos eles e elas, grazas por ofrecernos unha rica experiencia teatral.

Moitas grazas tamén ao público asistente.

Ata a próxima!!!

VIDEO RESUME >>> https://www.facebook.com/watch?v=1087278799684695

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad