As I Xornadas de Patrimonio Inmaterial, celebradas durante a tarde do venres 15 e a mañá do sábado 16 de novembro, na Casa da Cultura de Vilalba, abriron as súas portas cunha intensa programación centrada na posta en valor do patrimonio inmaterial.
INAUGURACIÓN
Na inauguración, Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, destacou a relevancia dos temas a tratar, facendo fincapé na importancia de preservar e promover o noso patrimonio. Agradeceu o apoio das entidades colaboradoras, como o Consello da Cultura Galega e o Concello de Vilalba, e aproveitou a ocasión para reivindicar de novo o nome de Manuel María para esta Casa de Cultura, un espazo fundamental para a nosa identidade cultural. Ademais, destacou a presenza de todos os relatores e relatoras, así como a mostra fotográfica “A Pedra Seca”, de Xosé Manuel Irimia, resultado da súa curiosidade e compromiso co patrimonio arquitectónico da comarca, e que se inauguraría pouco máis tarde.
A alcaldesa da Vilalba, Marta Rouco, comezou a súa intervención, expresando o seu agradecemento ao IESCHA, aos relatores e relatoras e ao autor da Mostra. Subliñou a importancia de preservar este legado vivo que nos conecta co pasado e que nos serve de guía para o futuro, destacando o orgullo que sente este pobo por acoller estas Xornadas.
MOSTRA “A PEDRA SECA”
A continuación, tivo lugar a inauguración da mostra fotográfica “A Pedra Seca“, composta por 18 paneis que representan a ollada persoal de Xosé Manuel Irimia sobre este tipo de arquitectura tradicional. O autor, logo de agradecer á xente do IESCHA todo o seu apoio, destacou a necesidade de recoñecer e defender tanto o patrimonio material como o inmaterial, facendo un chamamento á creación dunha Coordinadora de Asociacións Chairegas e á catalogación dos cemiterios neogóticos como BIC (Ben de Interese Cultural). Quixo poñer en valor tamén o importante traballo levado polas Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego.
A Mostra permanecerá aberta ata o 15 de dezembro.
RELATORIOS
A xornada continuou cos primeiros relatorios:
1. “A Improvisación Oral en Verso: Patrimonio Inmorredoiro“, a cargo de Almudena Falcón, profesora do IES Basanta Silva, acompañada polas rapazas do Club de Regueifa. Almudena explicou a importancia da regueifa como expresión cultural viva, co obxectivo de revivir esta tradición e adaptala aos novos tempos. As alumnas Sara e Luzsorprenderon ao público improvisando versos a partir das palabras propostas polos asistentes, demostrando o potencial creativo que pode ter esta forma de improvisación oral.
2. “Zahorismo, entre realidade e escepticismo“, por Xosé Mouriño Cuba, enxeñeiro agrícola. O ponente abordou o tema da radiestesia e do zahorismo, explicando o uso de técnicas como a vara e o péndulo para localizar elementos ocultos, especialmente na busca de auga. Falou da súa propia experiencia e destacou a importancia destas prácticas noutras épocas deixando unha frase reflexiva: Culturalizar a natureza e naturalizar a cultura”. O relatorio deu lugar a un animado debate entre os asistentes.
3. “O Patrimonio Inmaterial como Proceso“, presentado por Pablo Carpintero, doutor en Ciencias Biolóxicas, que afondou na relación entre o patrimonio inmaterial e a cultura, destacando a transmisión de coñecemento e os modelos sociais que conforman a nosa identidade. Subliñou a importancia da creatividade e cuestionou a crenza de que o patrimonio máis valioso é sempre o máis antigo, facendo un chamamento a valorar tamén as prácticas culturais actuais. No debate final, resaltouse que “a cultura é todo aquilo que che abre os ollos”, e falouse ademais da necesidade de defender a lingua como parte esencial do noso patrimonio.
A primeira sesión das Xornadas de Patrimonio Inmaterial finalizou cun sentimento de satisfacción e reflexión, poñendo de manifesto o valor e a urxencia de preservar e dinamizar o noso legado cultural.
A segunda sesión das I Xornadas de Patrimonio Inmaterial comezou co saúdo da presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, agradecendo de novo a asistencia dos participantes e do público e destacando o interese e a acollida que tivera a primeira sesón. Acto seguido, deron comezo os relatorios programados, ofrecendo distintas perspectivas do noso patrimonio.
4. “Cerimoniais Florais Galaicos, unha Herdanza Sagrada“, por Ana Isabel Filgueiras, arqueóloga e antropóloga. A ponente iniciou a súa presentación á luz dunha vela, creando unha atmósfera evocadora que acompañou a súa exposición sobre a transcendencia do patrimonio floral en Galicia. Explicou o simbolismo das flores como adornos ancestrais e a súa continuidade como unha linguaxe viva. Describiu distintas celebracións recoñecidas como BIC (Ben de Interese Cultural) en Galicia, desde os Maios, ata o Lumepan e o Florear nos Corgos. Tamén mencionou as alfombras florais, as danzas e os poemas florais que constitúen unha parte fundamental da identidade e da conexión comunitaria, destacando tamén as festas místicas é míticas, as flores nos Cancioneros medievais, e o solstício de verán. A relatora subliñou a importancia das plantas silvestres, como o fiúncho e a espadana, esenciais nas nosas tradicións.
5. “As Campás, o Son do Camiño”, por Xosé Andrés Barreiro Garrido (Andi), Campaneiro. Neste relatorio, o ponente centrouse na linguaxe única das campás, un patrimonio inmaterial recoñecido pola UNESCO. Xosé Andrés Barreiro describiu as distintas tipoloxías de campás, como as de esquilón, as romanas ou castelás, e explicou as súas partes e técnicas de toque, desde o volteo e o bandeo ata o badal. Na parte final deste relatorio, os asistentes trasladáronse ao exterior da Casa de Cultura para presenciar unha demostración en vivo de toques tradicionais, evidenciando a gran variedade e calidade dos sons que forman parte da nosa identidade cultural.
6. “A Cara Oculta da Arquitectura“, por Carlos H. Fernández Coto, arquitecto.
O ponente levounos nunha viaxe a través da historia e os códigos ocultos detrás de cada construción, desde a proporción áurea ata as técnicas de pedra seca. Destacou que “detrás de cada pedra hai algo que non se ve”, referíndose ao contido invisible que sostén o patrimonio. Explicou a importancia da luz natural e da motivación para cada obra arquitectónica, e mostrou diferentes exemplos de construcións tradicionais: as marcas de canteiro, os esgrafiados, os petroglifos, os dólmens, lavadoiros, lacenas, hórreos, cruceiros, comercios locais e cemiterios da Terra Chá. Subliñou a súa idea central: “sen xente, non hai patrimonio inmaterial”. O relatorio concluíu cun debate final, onde se profundou na relación entre a arquitectura e o patrimonio vivo.
ACTO DE CLAUSURA
Marisa Barreiro pechou as xornadas cun agradecemento especial a todos os asistentes, ás relatoras, aos relatores e aos colaboradores, mencionando ao Consello da Cultura Galega e, particularmente, a Marcelo, presente nas Xornadas, así como ao Concello de Vilalba. Tamén recoñeceu a contribución da AC de Andrade, poñendo música no colofón a estas Xornadas: A tradicional ofrenda floral ao carón do monólito que honra as Irmandades da Fala da Vila, un momento emotivo que simbolizou o compromiso coa preservación do noso patrimonio.
Conclusión das I Xornadas de Patrimonio Inmaterial
Estas I Xornadas de Patrimonio Inmaterial foron unha celebración e unha reflexión sobre a nosa cultura viva, reunindo voces e saberes diversos que contribuíron a fortalecer a conciencia colectiva sobre a necesidade de preservar e revitalizar as nosas tradicións. Durante dous días, exploráronse múltiples expresións do patrimonio material e inmaterial, desde a regueifa e o zahorismo ata a arquitectura e os cerimoniais florais, pasando polo toque das campás. O público asistente marchou con novas perspectivas e un renovado sentimento de orgullo polo noso legado cultural, evidenciando que o patrimonio non é só herdanza do pasado, senón un proceso vivo que se constrúe cada día.
Ata a próxima!!!
VIDEO RESUME>>>> https://www.facebook.com/watch?v=1249586446086917