RESEÑA DO ACTO DE HOMENAXE A RAMÓN CHAO. PROXECCIÓN DE “O CAMIÑO DE RAMÓN CHAO. TRALAS PEGADAS DE PRISCILIANO”, DE ASER ÁLVAREZ. 1-09-24, NO AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA. 

Na tarde do pasado domingo, 1 de setembro, o Auditorio Municipal acolleu unha emotiva homenaxe a Ramón Chao, organizada polo Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración coa Área de Cultura da Deputación de Lugo e Arraianos Producións, que consistiu na proxección do documental e a presentación do libro “O camiño de Ramón Chao. Tralas pegadas de Prisciliano”. 

Máis dun centenar de persoas asistiron ao evento, que contou coa presenza de Aser Álvarez, director do documental, de Iria Castro, deputada responsable da Área de Cultura da Deputación de Lugo e de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha. Non puido estar presente Moncho Paz, da Asociación Amigos de Prisciliano, como estaba previsto nun principio. Acudiron tamén familiares de Ramón Chao.

A presidenta do Iescha, Marisa Barreiro, abriu o evento agradecendo a presenza do público nun día tan sinalado das festas locais, destacando que a data fora escollida por razóns de afecto e admiración cara a Ramón. Nunha breve intervención, lembrou a súa traxectoria e deulles paso aos demais participantes. 

A continuación, Iria Castro tomou a palabra en representación da Área de Cultura da Deputación, salientando a importancia de apoiar iniciativas como esta, que axudan a dar a coñecer o traballo de galegos e galegas que, coma Ramón, deixan pegada tanto dentro como fóra de Galicia. Iria Castro tamén anunciou que o libro, aínda que non puido estar neste acto debido a problemas de loxística, sería enviado máis adiante.

A continuación, Aser Álvarez compartiu co público as motivacións que o levaron a crear o documental e o libro, destacando o seu fascinación polo París de Ramón Chao. Durante a súa producción, estivo acompañado por Antoine, un dos fillos de Ramón, así como polo neto, o bisneto e outros amigos que aparecen no documental. A película tamén recolle o percorrido de Prisciliano ata Santiago, e inclúe imaxes da homenaxe a Ramón Chao no Paseo dos Soños así como dalgunhas das súas intervencións en distintos actos do Iescha en Vilalba.

Trala proxección do documental, Aser invitou ao público a formular preguntas e compartiu algunhas anécdotas curiosas relacionadas co proceso de creación. 

O Iescha quere manifestar o seu agradecemento a Aser e a Iria pola súa presenza e intervención neste acto, así como a todos os asistentes que fixeron do mesmo unha homenaxe especial e significativa.

Ata a próxima!!!

VIDEO RESUME>>>> https://www.facebook.com/watch?v=1303170843980527

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad