O acto de inauguración da exposición de pintura “Pinceladas e trazos” de Masu Santalla Ferreiro, organizada polo Iescha, coa colaboración do Concello, comezou cunha cálida benvida por parte de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, quen explicou os antecedentes desta mostra, facendo fincapé no inicio da mesma: outra exposición anterior de Manolo Santalla (familiar de Masu) e Mª Carmen Gómez. Lembrou tamén a participación de Masu Santalla na exposición “Pegadas de Mulleres” organizada polo Iescha no marco das Xornadas de 2023, o que resalta o seu compromiso coa arte e a cultura.
Hoxe os asistentes ao acto de inauguración de “Pinceladas e trazos” pudieron contemplar unha fermosa, diversa e completa exposición. En palabras de Marisa, para o IESCHA é un orgullo inmenso que unha muller da nosa comunidade sexa a protagonista deste evento tan especial. A súa traxectoria, aínda que iniciada dun xeito tardío no ano 2006, demostra que nunca é tarde para abrazar a paixón pola arte. Comezou co óleo e, posteriormente, ampliou o seu talento ao debuxo, ofrecéndonos agora unha colección chea de cor e sentimento.
As súas obras van dende flores, mariñas, nenos e nenas, homes e mulleres, paisaxes, recantos, edificios e animais; moi colorista no óleo e moi profunda e sensible no debuxo, destacando especialmente os retratos. Estes últimos (de familiares, de amizades, de artistas, deportistas…) sobresaen pola súa precisión, pola súa calidade e polo afecto e sentimento que transmiten.
Masu Santalla, nun emotivo discurso, quixo en primeiro lugar transmitir o seu cariñoso agradecemento a todas as persoas que asistiron ao acto, facendo unha mención especial á Marisa Barreiro, ao Iescha, a Manolo Santalla e a outras persoas que tiveron un papel importante neste proxecto.
Tamén compartiu unha reflexión persoal sobre o proceso creativo que a levou a desenvolver esta exposición, un camiño de aprendizaxe e emocións que hoxe culmina nesta mostra. Para rematar, dedicou unhas cariñosas palabras á súa familia, en particular ao seu marido e á súa afillada, expresando o seu desexo de que todas e todos poidan gozar da exposición tanto como ela gozou creándoa.
O Iescha quere deixar constancia tamén do seu máis sincero agradecemento á Masu Santalla por compartir con todos nós o seu traballo e a súa paixón.
Sen dúbida, “Pinceladas e trazos” é unha invitación a mergullarse nun universo cheo de cor, vida e sentimento.
VIDEO RESUME>>>> https://www.facebook.com/100064422230168/videos/494740029828140