RESEÑA DO ACTO DE PRESENTACIÓN DE “TINTA DE FOL”, DE SABELA OLIVARES, DAVID CUENCE E GRUPO BOROA. CASA DA CULTURA DE VILALBA, 16-01-2024. (RESUME FOTOGRÁFICO)

Na noite deste martes, 16 de xaneiro, a Casa da Cultura de Vilalba acolleu a presentación de “Tinta de Fol” (exposición, libro, música e pintura) organizado polo Instituto de Estudos Chairegos.

O acto comezou, unha vez máis, coa enérxica condena, manifestada por Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, á masacre e ao xenocidio que está a sufrir o pobo palestino en Gaza.

Logo, despois de detallar algúns aspectos relacionados coa montaxe do acto, deu paso a Sabela Olivares, compositora e intérprete, para introducirnos na esencia da publicación e da exposición “Tinta de Fol”, unha iniciativa xestada polo grupo Boroa, tentando fusionar disciplinas artísticas como a música e a pintura… Un reto que, neste caso, deu lugar ao libro e á exposición: partitura, debuxo, audio… Música e pintura fusionándose brillantemente.

Despois, os asistente poideron presenciar, na sala contigua, o material exposto, e escoitar as palabras de David Cuence, debuxante, para coñecer os detalles da realización das pinturas a partir das partituras. Os seus deseños, preferiblemente abstractos, revelaban un perfecto diálogo entre a música e o trazo artístico.

Por fin, o acto alcanzou o seu clímax coa música e a pintura en vivo. O grupo Boroa (Sabela Olivares e Suso Bello, nesta ocasión) e David Cuence. Os sons vibrantes e harmoniosos de Boroa entrelazándose cos trazos precisos e artísticos de David nunha perfomance final impresionante. Arte para transformar a realidade!

Ao final, o público asistente agasallou cunha gran ovación o extraordinario traballo de Sabela, Suso e David, aos que dende o Iescha queremos tamén agradecer moi sinceramente a súa presenza no acto agardando poder contar con eles en futuras actividades.
Agradecemento que facemos extensivo ao público que acudiu a presencialo.

A exposición “Tinta de fol” permanecerá aberta na Casa da Cultura ata o 30 de xaneiro.

Ata a próxima!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad