O concerto celebrado este sábado, 9 de novembro, no Auditorio Municipal de Vilalba, organizado polo IESCHA en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, dentro do programa TRADIGALU 2024, foi unha fermosa homenaxe á música con marcada perspectiva feminista, e cun obxectivo claro: “dar a coñecer as composicións musicais e as suas creadoras, postergadas durante séculos á escuridade da historia”.
O grupo coral CANTAR DELAS, dirixido con gran sensibilidade por FERNANDO GÓMEZ JÁCOME, ofreceu unha viaxe musical chea de beleza e reivindicación, explorando distintas etapas da historia nas que as mulleres tiveron un papel clave, xa sexa como compositoras, intérpretes ou poetas.
O proxecto “CREADORAS DE MÚSICA”, presentado en Vilalba, busca poñer en valor a obra de compositoras que, durante séculos, quedaron á sombra. O repertorio comezou na “Música Pioneira” do século XII coa mística Hildegarda von Bingen, unha das primeiras compositoras documentadas, pasando polas Cantigas Femininas dos Trobadores galego-portugueses, como as de Martím Códax, que reflicten unha creación feminina transmitida de forma oral no século XIII.
A seguinte etapa levou ao público a explorar a Voz Feminina nos Cancioneiros Renacentistas, con pezas do século XV e XVI que, malia ser anónimas, suxiren unha posible autoría feminina. Tamén se fixo un percorrido pola Música Popular e a Creación Colectiva, recoñecendo a achega das mulleres nas cancións tradicionais.
Un dos momentos máis emocionantes da noite foi a interpretación de Negra Sombra, de Rosalía de Castro, símbolo da reivindicación feminina do século XIX.
O concerto continuou cunha homenaxe ás Cantautoras do Século XX, destacando figuras como Violeta Parra, quen loitou pola dignidade dos oprimidos a través da súa música. Despois, púxose en valor o gran traballo de Mili Porta, pioneira como directora de orquestra en España. E como colofón “DO MAR POLA ORELA”, do poema “A Rosalía”, de Curros Enríquez.
Enorme traballo do director, Fernando G. Jácome, cunha cuidada selección e harmonización en moitas das pezas, interpretadas con gran calidade polas compoñentes de Cantar Delas.
Un sincero agradecemento tanto a Fernando como ás integrantes do coro por este proxecto tan necesario e fermoso. Grazas tamén ao persoal técnico do Auditorio e ao público asistente.
Ata a próxima!!!
VIDEO RESUME>>>> https://www.facebook.com/watch?v=570719798976931