RESEÑA DO CONCERTO DE SON DE CORDA. “CARTAS ALÉN, COMPROMISO E CORAXE”. SÁBADO 18 DE XANEIRO DE 2025. AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA

O concerto CARTAS ALÉN, COMPROMISO E CORAXE, organizado polo Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, a cargo do grupo vocal SON DE CORDA, coa soprano ESPERANZA IGLESIAS, a contralto CARMEN PRENDES, o tenor FERNANDO G. JÁCOME e o baixo ANTÓN CASTRO, foi unha experiencia inesquecible, un regalo para os sentidos. Desde o primeiro acorde, as súas voces -cargadas de lirismo, beleza, expresividade e precisión técnica- capturaron a atención do público.

Un elemento fundamental que elevou aínda máis se cabe a calidade do concerto foi o acompañamento da pianista ELENA RODRÍGUEZ, da violinista ALDARA PALMEIRO e da bailarina MARINA ROJAS. Técnica, sensibilidade e expresividade corporal que contribuiron a que as voces brillasen en toda a súa plenitude. 

A selección do repertorio foi igualmente destacable, ofrecendo unha viaxe emocional a través de pezas portuguesas e galegas: Dende Senhora do Almurtão, de Mario de Sampaio Ribeiro, ata o Venceredes vós, de Darío Xoán Cabana, pasando por Acordai, de Fernando Lopes-Graça/José Gomes Ferreira; Oda a Rosalía, de Manuel Curros Enríquez/Luís Emilio Batallán; Cada noite, de Rosalía de Castro/ Julio Domínguez/Maximino Zumalave, ou Na flor dos meus anos, arr: Paulo Borges/arr. voces: Fernando G. Jácome, entre outras, deixando unha fonda pegada en todos os presentes. Un concerto que, sen dúbida, quedará na memoria como unha emocionante experiencias musical.

E todo elo, formando parte dunha proposta músico-epistolar (dúas irmás separadas pola contenda do 36 e que a través dunhas cartas van sabendo unha da outra -voces en off de DOLORES VARELA e JOSEFA SENÍN-) concebida para reflexionar sobre a barbarie da guerra e dos totalitarismos, ao que tamén contribuiu a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro, cando no momento da presentación do evento, onde agradeceu a presenza do grupo Son de Corda e acompañantes, así como a asistencia do público, proclamou de forma contundente: “No Iescha cremos nunha cultura de non violencia e de paz”.

Máis non se pode pedir.

Ata a próxima!!!

VIDEO RESUME >>> https://www.facebook.com/100064422230168/videos/1046718694163384

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad