RESEÑA DO ROTEIRO AIRE NEGRO DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ. PASEO LITERARIO POR LUGARES DE VILALBA-LANZÓS-SAN SIMÓN. SÁBADO 7 DE NOVEMBRO DE 2026 (VIDEO E FOTOS).

O ROTEIRO «AIRE NEGRO» PERCORRE OS ESPAZOS DA NOVELA DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Este sábado 7 de novembro, o Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración coa Biblioteca Municipal «Agustín Fernández Paz» do IES Basanta Silva, a Escola de Teatro e o Concello de Vilalba, organizou o Roteiro «Aire negro», un paseo literario polos lugares do concello que percorre a novela de Agustín Fernández Paz, dentro da iniciativa 2026-2027 «Miradas sobre Agustín».

Comezamos o percorrido na Biblioteca Municipal «Agustín Fernández Paz», onde nos agardaba unha Laura Novo escribindo compulsivamente, baixo a atenta mirada de Víctor Moldes. Unha primeira parada que nos introduciu de cheo no universo da novela e nos seus personaxes.

A continuación, achegámonos ao barrio das Fontiñas, onde o escritor medrou entre historias de misterio, e ao parque que leva o seu nome, no que descubrimos un pouco máis sobre a súa paixón pola escritura e pola nosa lingua.

Desde alí, xa nos adentramos de cheo no mundo de Aire negro, seguindo os pasos de Laura e Carlos ata Lanzós pola Charca do Rego, a Casa Grande e o adro da parroquia, espazos que cobran unha nova dimensión ao descubrilos a través das páxinas da novela.

A ruta continuou en San Simón da Costa, onde nos achegamos ata o lugar dos Fornos, no que se atopa a coñecida como Cova da Besta. Visitamos tamén a capela de San Cidre e baixamos pola Penaserra ata o rego da Ribeira. Desde alí iniciamos o camiño de regreso, pasando pola escola e a igrexa de San Simón, para rematar o percorrido diante do mural dedicado a Agustín Fernández Paz, obra de Mon Devane.

Unha xornada para camiñar polos lugares que inspiraron a ficción, recoñecer os espazos da nosa contorna a través da literatura e achegarnos, unha vez máis, á figura e ao legado dun dos grandes nomes das nosas letras.

O noso agradecemento á Escola de Teatro de Vilalba por acompañarnos unha vez máis nesta viaxe literaria e por achegarse sempre con tanto agarimo, sensibilidade e complicidade ao legado de Agustín Fernández Paz. E grazas a todas as persoas que participaron neste iniciativa.

Ata a próxima!!!

GALERÍA DE FOTOS

VIDEO RESUME>>> https://www.facebook.com/reel/4519985084944976

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad