RESEÑA DOS ACTOS ORGANIZADOS POLO IESCHA NO DÍA DE ROSALÍA-23 DE FEBREIRO, DENTRO DA PROGRAMACIÓN “QUERO VER O MAR-HOMENAXE A ROSALÍA” PREVISTA PARA FEBREIRO E MARZO. (GALERÍA FOTOGRÁFICA)


Era un día para celebrar. Un día para homenaxear a unha gran muller,  galega e universal. Un día para o recoñecemento a unha escritora que trascende o tempo e o espazo. Un día para admirar a Rosalía de Castro. Nun 23 de febreiro. No DÍA DE ROSALÍA. Como tiña que ser!

E a xente do IESCHA tíñao moi claro. Para elo, preparou con todo entusiasmo e cariño os actos deste día de homenaxe á nosa gran escritora.

A celebración comezou coa Ofrenda Floral levada a cabo no Parque Rosalía de Castro, ao carón do monolito e da figueira alí prantada na súa memoria. Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, deu lectura ao manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), escrito por Carlos Callón, cheo de belleza e sensibilidade, e que podemos resumir nesta gran frase final:

“…Ese amor que ela aqueceu e proxectou é un alento que aínda hoxe mapea horizontes, abre porvires e renace día a día en en cada persoa que levanta a cabeza para que Galiza exista, nun mundo mellor, diverso e igualitario. Un mundo, en fin máis rosaliano.”

A continuación, xa no vestíbulo do Auditorio, magníficamente acondicionado e preparado pola Área de Cultura do Concello de Vilalba, tivo lugar a proxección da curtametraxe “A Rosa incandescente”, dirixida por David Vázquez e con guión de Anxos García, que estivo presente no acto. O público asistente puido coñecer, a partir dunha espectacular e preciosa fotografía, “unha Rosalía de Castro cercana e directa que nos conta ela mesma algúns dos aspectos fundamentais da súa obra: a paixón pola literatura oral, o compromiso co seu país, a sensibilidade cos marxinados da sociedade, a análise económica e social do seu tempo e, por suposto, as dificultades que tivo que enfrontar por ser muller e escritora. Rosalía é a mesma rosa incandescente de intelixencia, sensibilidade e paixón polo que fai”, segundo palabras da propia guionista, que tamén quixo por en valor, no coloquio posterior, a importancia que tivo Teresa de Castro na vida da súa filla Rosalía, tratándolle de dar sempre a mellor das formaciós posible para aquela época.

E como en moitos dos actos programados polo Iescha, non podía faltar a música, máis concretamente a música da casa, a música de dous grupos vilalbeses: Corredores de Sombra e Lambe Lambe, que, cada un no seu estilo, souberon engaiolar, coma sempre, ao público presente. Corredores de Sombra coa interpretación de “Adios ríos, adios fontes”, e Lambe Lambe, cantando “Axudádeme a cantar”.

Dende o IESCHA, só nos queda agradecer a todas as persoas que dun xeito o doutro fixeron posible que todos estes actos se pudieran levar a cabo da mellor maneira posible, particularmente, a Anxos García, Corredores de Sombra, Lambe Lambe, a Área de Cultura do Concello de Vilalba, ao equipo técnico do Auditorio e, como non, ao público asistente.

Ata a próxima

https://www.facebook.com/100064422230168/videos/374625122188781

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad