CONFERENCIA LETRAS GALEGAS IMPARTIDA POR MALORES VILLANUEVA “FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO, UN LOITADOR POLA IDEA DE GALICIA” (VIDEO-RESUME)

Un luxo poder gozar na tarde-noite deste venres, no Auditorio Municipal de Vilalba de Malores Villanueva falando de Francisco Fernández del Riego, nunha conferencia organizada polo Instituto de Estudos Chairegos co gallo das Letras Galegas 2023.

Foi unha moi boa oportunidade para afondar na vida e obra de Francisco Fernández del Riego, escritor nacido en Vilanova de Lourenzá e homenaxeado nesta ocasión. Malores Villanueva fixo unha descrición detallada da biografía de Del Riego, acompañando a súa charla con imaxes que retrataron diferentes momentos da súa vida.

Soubemos, por boca de Malores, que desde a súa infancia, Del Riego desenvolveu o amor pola lingua galega, influenciado polas cancións que lle cantaba a súa avoa. A medida que foi medrando, a súa conciencia galeguista foise facendo máis forte, sobre todo durante a súa estancia en Madrid.

Soubemos que o seu activismo universitario levouno a defender a galeguización da universidade e a participar en xornadas de estudos galeguistas, tertulias políticas e do colectivo galeguista santiagués.

Soubemos que formou parte do Partido Galeguista e que tivo a oportunidade de participar en encontros con Castelao e as mocididades galeguistas, contribuíndo á elaboración do estatuto de Galicia.

Soubemos, así mesmo, que durante a guerra pasou por momentos difíciles, percorrendo diversas cidades ata que se instalou definitivamente en Vigo en 1939. Foi en aí onde tivo a oportunidade de coñecer a Valentín Paz Andrade, outro destacado intelectual galeguista.

Soubemos que Del Riego desempeñou múltiples papeis ao longo da súa vida: mestre, avogado e editor. A súa maior paixón e dedicación centrouse no ámbito cultural, xornalístico e editorial. Fundou a editorial Galaxia e destacou polo seu fervor pola escritura.

Soubemos que participou na fundación da revista Grial, que foi membro da Real Academia Galega, e que impulsou o Día das Letras Galegas.

Soubemos, por fin, que Fernández del Riego deixou un importante legado cultural, sendo recoñecido o seu destacado labor e que a súa vida e obra seguen sendo obxecto de recoñecemento e admiración no ámbito galego.

Todo isto soubemos grazas á brillante conferencia de Malores Villanueva, a quen lle agradecemos a súa presencia na mesma, agardando poder contar con ela noutras ocasións.

Moitas grazas tamén ao público asistente e ao equipo técnico do Auditorio.

Ata a próxima!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad