Onte á tardiña, tivo lugar un acto moi especial na Casa da Cultura de Vilalba.
Tratábase da presentación destes catro libros pertencentes á colección Biblioteca Chairega, resultado de senllas escolmas dos artigos publicados en avozdevilalba.gal, que deste xeito poñía fin a moitos anos de actividade, primeiro en papel e posteriormente en dixital:
Baixo a Pravia, de Paulo Naseiro, limiar de María Xosé Lamas (nº 31)
Como rematar cos libros dunha vez por todas, de Mario Paz González, limiar de Helena Villar Janeiro (nº 32)
Pílulas de vendimario, de Moncho Paz, abecedario: Pilar Maseda e Iria F. Crespo, obituario: Miguel Barrera (nº 33)
Outras voces, de Autores varios, limiar: Marisa Barreiro (nº 34)Todos eles coa ilustracións de portada a cargo do artista Baldo Ramos
O acto foi iniciado pola presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, facendo un emotivo percorrido pola historia de A VOZ DE VILALBA, dende os seus inicios, a comezos dos anos 80, ata a actualidade. Fixo especial fincapé neste final da historia e da importancia que tivo ao longo dos anos, así como da cuidada e magnífica edición destes catro libros, con fermosas ilustracións de portada a cargo de Baldo Ramos.
A continuación tomou a palabra Baruk Domínguez para, a través da crítica literaria, da ironía, do humor soubo describir perfectamente o contido dos libros a través de catro puntos resumidos así:
"Eu"
...están aí o xornalismo e a súa capacidade crítica; a cultura de noso que temos aquí en Galicia; e as particularidades, peculiaridades e incongruencias da nosa terra de Vilalba...
"31"
...Paulo Naseiro faino desde unha perspectiva galega, chairega e actual, aínda cando fala de cousas que suceden na outra beira do Atlántico, na Roma clásica ou mesmo no vindeiro ano 2109...
"32/33"
...Mario Paz é máis "fan" do papel ca do mundo dixital, aínda que tampouco é un apocalíptico destes aos que facía referencia hai uns cantos anos Umberto Eco...
...nos artigos de Moncho Paz, gran observador, está a pegada do cronista internacional e do analista político, pero tamén están as semblanzas dalgúns persoeiros que ben poderían formar parte da "troupe patchankeira" de feirantes, menciñeiros e outras xentes do universo cunqueiriano...
"34"
...as luces e as sombras. A confrontación e o diálogo. A congruencia e a dicotomía. As dúas Españas, as dúas Galicias, as dúas Vilalbas... Ou tres, ou catro... O si, o non, o quen sabe, o non cho digo, o dígocho pero penso outra cousa... O caso é que aquí queda fóra, sen ningún tipo de dúbida, o pensamento único. E iso foi, iso é e iso será "A Voz de Vilalba"...
Antes de rematar o evento, tomaron a palabra Paulo Naseiro e Mario Paz, presentes no acto, profundizando no tema e compartindo interesantes anécdotas e curiosidades, dando pé así a distintas e interesantes intervencións por parte do público.
O noso sincero agradecemento a Baruk polo seu magnífico traballo e por estar sempre aí, e a Paulo, Mario e Moncho por facer posible a existencia de A VOZ DE VILALBA. Sen dúbida, esta presentación foi unha axeitada homenaxe á súa historia así como unha proba máis do compromiso do IESCHA coa preservación da nosa cultura e da nosa historia.
Os asistentes ao acto, que case encheron o salón de actos, recibiron de xeito gratuíto os catro libros que conforman a colección.
Ata o próximo!!!
Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.
Máis información