
Na tarde-noite deste venres 9 de maio, o IESCHA daba inicio á programación do referido mes, o mes da Letras Galegas, coa organización da palestra “As de Mens. A oralidade invisíbel, tornando visíbel”, impartida por Beatriz Busto Miramontes, Doutora en Antropoloxía Social e Cultural da USC e escritora, e que contou tamén coa actuación do grupo Lambe Lambe.
A presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, foi a encargada de abrir e presentar o evento. E fíxoo lembrando en primeiro lugar os 25 anos (9.125 días, recalcou) que o Iescha leva apoiando á lingua e á cultura galegas, promovendo a súa difusión e investigación… E para poñerlle imaxe a este aniversario, presentou en primicia o logo conmemorativo creado polo deseñador Xurxo Insua, quen recibiu un agradecido recoñecemento por parte da organización polo estupendo e elegante traballo realizado.
Houbo tamén palabras de agradecemento para a poesía de tradición oral e as cantareiras, protagonistas das Letras Galegas no presente ano 2025. E nesta liña, comentou Marisa, o IESCHA quixo aportar o seu gran de area coa participación neste acto de Beatriz Busto Miramontes e do grupo de pandeireteiras Lambe Lambe.
Marisa Barreiro aproveitou tamén a ocasión para lembrar a necesidade de coidar e protexer o noso idioma, sobre todo por parte das institucións que teñen a responsabilidade de facelo.
A continuación, fixo unha pequena presentación de Beatriz Busto Miramontes e do grupo Lambe Lambe, antes de dar paso á conferenciante.
Beatriz Busto Miramontes falou con paixón e coñecemento sobre o patrimonio oral galego: as músicas e bailes tradicionais que foron transmitidos de xeración en xeración. Subliñou como estas prácticas servían, no seu tempo, para o divertimento, para fortalecer vínculos na comunidade, para o moceo e para coñecer aos veciños.
Lamentou que aínda haxa moito por facer neste eido, e pediu máis apoio á investigación e menos celebración puntual. Lembrou que a tradición oral non deixa documentos escritos, polo que conservar estas voces é conservar memoria viva. Centrou a súa intervención nas Pandereteiras de Mens, en Malpica, facendo un percorrido pola súa historia, mesmo durante o franquismo, e compartindo anécdotas, cartas e documentación moi valiosa.
Falou do repertorio das pandereteiras: bailes como os saltos e agarrados, o ciclo do entroido, muiñeiras, jotas, refráns, pandeiradas… Tamén do baile comunitario, da figura de Dorothé Schubarth, do grupo Aturuxo co que viaxaron moitas veces, e doutras experiencias e entrevistas, como a que lle fixo Gayoso nos anos oitenta ou a que recolleu Tereixa Navaza.
Ao longo de toda a intervención destacou a importancia das mulleres na transmisión destas tradicións.
A xornada pechouse coa actuación do grupo de pandeireteiras Lambe Lambe, que fixeron as delicias do público asistente cunha actuación chea de forza, ritmo e tradición.
En definitiva, un acto para lembrar, feito con agarimo e compromiso, que honra a nosa cultura e convida a seguir coidándoa no futuro.
Por iso, dende o Iescha, temos que darlle os parabéns e agradecer moi sinceramente a participación neste acto a Beatriz Busto Miramontes, pola súa interesantísima, completa e ilustrada intervención, e ao grupo Lambe Lambe, pola súa magnífica actuación e por estar sempre aí.
Moitas grazas tamén ao Concello pola súa colaboración así como ao público asistente.
Ata a próxima!!!

































































VIDEO RESUME>>>>> https://www.facebook.com/100064422230168/videos/546388831613686
