Moi interesante resultou a presentación do libro de Carlos Callón “O libro negro da lingua galega” que tivo lugar na noite deste xoves, na Casa da Cultura de Vilalba, organizado polo Iescha.
Tomou a palabra en primeiro lugar Marisa Barreiro, para comunicar aos presentes unha decepcionante noticia: as propostas remitidas polo Iescha ao Concello de Vilalba solicitando o nome de Manuel María para a Casa da Cultura, o de Agustín Fernández Paz para a Biblioteca Municipal, e o de Santiago Mato para o Conservatorio de Música, non saíron adiante. O BNG e o PSOE votaron a favor das propostas, pero o PP abstívose, o que na practica resultou ser un NON rotundo ás referidas peticións, xa que para a súa aprobación requírense os dous terzos de votos favorables.
Denunciou a continuación, como ven facendo dende que comezou a invasión de Gaza por parte do exército israelí, o xenocidio que se está a cometer contra o pobo palestino.
A continuación, presentou a Carlos Callón a quen definiu como un loitador incansable pola dignidade da língua galega. Autor do libro que se presenta, froito de varios anos de investigación, e que deixa constancia das continuas represións que sufriu a lingua galega dende século XV ata os nosos días. Comentou Marisa que nos dous anos que leva o libro publicado xa se levaron a cabo máis de setenta presentacións. “É un libro que hai que ter na casa”, dixo, e deulle a palabra ao seu autor.
Carlos Callón empezou solidarizándose co manifestado por Marisa en relación ao pobo palestino. Criticou tamén que a proposta dos nomes para a Casa da Cultura, Biblioteca e Conservatorio non saíra adiante e que Manuel María, Agustín Fernández Paz e Santiago Mato non poidan ter o recoñecemento que merecen.
A intervención de Carlos Callón, xa centrada no seu libro, foi, como nos ten acostumbrado, moi amena, rigorosa e detallada, realizando un percorrido cronolóxico polas diversas etapas da historia do idioma galego e aportando innumerables datos, exemplos, e anécdotas.
Así, poidemos coñecer a importancia que tiveron as Cantigas de Santa María e como eran ninguneadas polas autoridades da época; soubemos dos numerosos castigos sufridos polos falantes de galego, dende os tempos antigos ata a actualidade… E como a persecución non desapareceu, simplemente foi mundando a súa forma… Destacando o caso de Alexandre Bóveda como exemplo da brutal represión sufrida. Analizamos con el a situación actual do galego nas escolas, nos institutos, nas universidades e en distintos lugares de traballo.
A cita final de Carlos Callón, parafraseando a Agustín Fernández Paz: “Non hai noite tan longa que non acabe algún día”, resoou coma unha chamada á esperanza e á loita pola supervivencia da nosa lingua, para seguir avanzando e poder conseguir logros no camiño da preservación do galego.
O animado coloquio final contou coa participación de varias persoas do público asistente (a quen agradecemos sinceramente a súa presenza no acto), que, entre outras aportacións, non deixaron pasar a oportunidade de manifestar unha forte crítica polo acontecido no Pleno do Concello a respecto do rechazo das propostas do Iescha antes mencionadas.
Moitas grazas e parabéns a Carlos Callón pola súa magnífica intervención, polo seu compromiso e por estar sempre disposto.
Ata a próxima!!!
VIDEO RESUME>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=390509247101423