
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) de Vilalba sumouse neste 2025 á conmemoración do Ano Castelao, coincidindo co 75º aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha das figuras máis sobranceiras do galeguismo e da cultura galega contemporánea. A súa obra e pensamento, comprometidos coas causas da identidade galega, a liberdade e a dignidade do pobo galego, foron o eixo central dun programa de actos que tamén fixo memoria do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia do 28 de xuño de 1936.
O programa arrancou o 26 de xuño coa apertura da exposición Sempre en Galiza (1934-1944) na Casa da Cultura de Vilalba. A mostra, promovida e financiada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, a Rede Museística Provincial, a Fundación Castelao e a Cátedra Castelao da USC, permaneceu aberta ao público ata o 4 de xullo, día no que se realizou un percorrido guiado polo Auditorio Municipal.
O 3 de xullo, o historiador Uxío-Breogán Diéguez impartiu a palestra Castelao político 1916-1950, afondando na traxectoria política do intelectual galeguista, desde os seus primeiros pasos ata o exilio, trazando un perfil comprometido e coherente cun ideario de país.
Ao día seguinte, 4 de xullo, tivo lugar no Auditorio Municipal de Vilalba a representación teatral “Cousas” de Castelao, con adaptación e posta en escena da compañía “Os Quinquilláns”.
Previamente, os seus actores, Lucho Penabade e Tero Rodríguez, nos roles de Virxinia Pereira e Alvaro Xil Varela, a xeito de presentación da exposición, foron comentando aspectos moi interesantes da vida e obra de Castelao e doutros personaxes (como o vilalbés Lois Peña Novo, por exemplo).
A continuación, tivo lugar a representación da obra “Cousas”. De novo Lucho e Tero, con gran versatilidade e riqueza expresiva deron vida aos múltiples matices do universo Castelao, mesturando humor, crítica social e reflexión e achegando ao público á dimensión artística e humana do autor de Rianxo.
O IESCHA quere expresar o seu máis sincero agradecemento a todas as persoas que fixeron posible esta programación: aos relatores e artistas participantes: Uxío-Breogán Diéguez, Os Quinquilláns; ás entidades promotoras e financiadoras: Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, á Rede Museística Provincial de Lugo, á Fundación Castelao e á Cátedra Castelao da USC; así como ás colaboradoras, como o Concello de Vilalba; ao persoal técnico e, moi especialmente, ao público que asistiu e acompañou con interese cada unha das actividades. Con iniciativas coma esta, o IESCHA quere manter viva a memoria dun home que fixo da palabra e da arte un instrumento de loita e esperanza: Castelao segue a ser luz no camiño da dignidade galega.
Moitas grazas a todas e a todos.
Ata a próxima!!!























































VIDEO RESUME>>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=763450019565167
