RESEÑA DO ACTO DE PRESENTACIÓN DO FOTO-LIBRO “LUMES” DE ADRA PALLÓN. VENRES 6-09-2024. SALA DE EXPOSICIÓNS DO AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA (FOTOS E VIDEO RESUME )

TODO COMEZOU NA COCIÑA DA AVOA…

A presentación do foto-libro “Lumes”, do fotógrafo lucense Adra Pallón, levada a cabo na noite deste venres 6 de setembro, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal, organizada polo Iescha, coa colaboración do Concello de Vilalba,  deixou unha profunda pegada nos asistentes, grazas á sensibilidade e á paixón que Adra Pallón demosytrou  ao longo da súa intervención. 

Para comezar, Marisa Barreiro, presidenta do Iescha abriu o evento presentando ao autor e situando ao público no contexto da obra: un conxunto de fermosas fotografías que se complementan coas palabras de Ana Cabana nun pequeno libro anexo, engadindo unha nova dimensión ao traballo fotográfico. Salientou tamén o carácter sociolóxico do libro, que aborda diversas problemáticas sociais, creando espazos de reflexión sobre temas ambientais e sociais a través dunha fotografía documental extraordinaria, que xa foi amplamente recoñecida e premiada.

Adra Pallón comezou a súa intervención agradecendo ao IESCHA a oportunidade de presentar o seu traballo. Explicou que, para crear “Lumes”, peneirou máis de 70.000 fotografías, un proceso que comezou na cociña da súa avoa e que tivo como fontes de inspiración a obra “Memorias dun neno labrego” de Neira Vilas e o poemario “Terra Chá” de Manuel María, entre outras. O libro está estruturado en secuencias que seguen o ciclo das estacións do ano, o que lle confire un ritmo natural e orgánico.

O autor explicou que “Lumes” se asenta en catro piares fundamentais: a autonomía e dependencia, a precariedade, os plans ambientais e a cultura. Estes temas permitíronlle explorar moitos aspectos da vida rural que lle resultaban fundamentais de contar, sempre dende a evocación das casas labregas e das vivencias que nelas se desenvolvían. 

O título do libro, “Lumes”, explicou, ten unha dobre explicación: por unha banda, fai referencia ás casas habitadas en zonas do rural, e por outra, alude á terrible lacra dos incendios forestais que asolan Galicia cada ano. Para complementar a súa exposición, Adra Pallón empregou unha presentación con imaxes e vídeos, como o de “Xanelas” de Belén Cordero, mentres ía comentando cada unha das imaxes proxectadas na pantalla.

A paixón, a sensibilidade e o realismo con que Adra Pallón vive a temática do seu traballo quedaba patente en cada palabra. Compartiu anécdotas cargadas de emocións e vivencias persoais, reflexionando sobre a solidariedade campesiña, un valor que sempre o entusiasmou, aínda que lamenta que estea a desaparecer pouco a pouco. 

Esta presentación foi moito máis que unha simple exposición de fotografías; foi unha viaxe emocional a través da mirada dun autor, sensible, expresivo e realista, profundamente comprometido coa súa terra, coas súas xentes e coas súas historias.

Dende o Iescha,  dámoslle as grazas e os parabéns por este magnífico traballo e pola súa presenza neste acto.

Agradecemento tamén para os técnicos do Auditorio e ao público asistente.

Ata a próxima!!!

VIDEO RESUME>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=864711198577201

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad