Sábado, 9 de setembro de 2023, segunda xornada dos actos da Cultura Chairega programados polo IESCHA en homenaxe a Manuel María no XIX Cabodano. Auditorio Municipal de Vilalba. O ambiente, como noutras acasións, cercano, familiar e expectante. Inicio: a voz en off de Marica Campo falando de Manuel María marca a emotividade do evento. A súa proximidade co ilustre poeta queda patente en cada palabra pronunciada, lembrando a un gran amigo e a un grande da cultura galega.
A continuación, a intervención de Marisa, presidenta do Iescha, afonda, se cabe con máis firmeza, na necesidade de recoñecer a achega de Manuel María para con Vilalba e a Terra Chá. Con moita emoción, faise eco da demanda do IESCHA para que, dunha vez por todas, o nome de Manuel María quede unido para sempre á Casa da Cultura de Vilalba.
Coas verbas de Manuel María sempre presentes no acto, e despois de glosar os grandes méritos de Marica Campo en distintos eidos da actividade cultural e literaria, Marisa faille entrega da placa que a identifica como Socia de Honra do IESCHA.
Logo, a intervención de Marica céntrase nos soños, na importancia de estar en primeira liña defendendo a cultura, os valores e a identidade, reafirmando a súa contribución e o compromiso coa causa. As súas palabras foron tamén unha síntese de agradecemento e recoñecemento á Terra Chá. Lembra a escritores e escritoras de Vilalba e a figuras emblemáticas que contribuíron a enriquecer a cultura galega (Bernardo García Cendán, Agustín Fernández Paz, Xosé Chao Rego). Nun plano máis persoal, lembra como gañou nestas terras chairegas os seus primeiros premios e como sempre se sentirá agradecida por elo.
E chégalle o turno da música: Túndal sube ao escenario: fermosas e harmónicas voces, variados e populares instrumentos. Diálogo entre a música tradicional e a poesía de Manuel María. Unha representación de tradición e de cultura. Hai tempo tamén para as reivindicacións do grupo: o nome de Manuel María para a casa da Cultura de Vilalba, e o recoñecemento da cidade de Lugo como capital da zanfona.
O acto vai concluíndo. Quedamos con gañas de máis, pero tamén cun profundo agradecemento por ter presenciado unha noite de homenaxe, de poesía, de música e de reivindicación cultural.
Dende o Iescha só nos queda agradecer de todo corazón a presenza de Marica Campo e a de Tundal neste acto e ofrecerlles todo o noso afecto e cariño.
Agradecemento tamén para o equipo técnico do Auditorio e para toda a xente que asistiu a esta segunda xornada de homenxe a Manuel María e de recoñecemento a Marica Campo.
Ata a próxima!!!